http://www.noticieirogalego.com/coral-polifonica-de-agolada/
Publicidade
Coral polifónica de Agolada
En 1992 a sociedade agolense asisten a todo un fito no municipio, o
debut da Coral Polifónica de Agolada durante o concerto de Nadal cando, a
penas dous meses antes, en outubro, iniciara a súa andadura da man de
Ángel Iglesias -cura de Val de Sangorza-, e baixo a batuta de Enrique
Alvarellos, o seu primeiro director. O seu nacemento, como unha
interesante actividade cultural e social, pronto se converteu en todo un
referente musical que levou aos seus integrantes a percorrer toda a
xeografía galega coas súas actuacións. Un obxectivo que se mantivo
permanente coas distintas etapas que viviu a coral, dende o cambio de
batuta á Pablo Pérez Varela en 2005 e, mesmo coa nova directora Sandra
Nasher Hernández, que dende 2008 se atopa ao fronte da formación.
A coral recibiu un curso de técnica vocal de mans da soprano Indra Sesti di Lucca
Intensos ensaios de catro horas semanais permiten formar e
perfeccionar as calidades vocais dos seus 35 compoñentes, 20 mulleres e
15 homes, e adecuar as súas variacións ao contar membros de idades tan
dispares que abarcan dende os 13 e 80 anos. Pois, como indican dende a
propia agrupación, precísase dun mínimo oído musical para integrar unha
coral, aínda que a formación sempre facilita moito máis a montaxe das
pezas. É por iso, que chegaron a contar coa soprano, cantante de ópera
profesional, Indra Sesti di Lucca, quen impartiu un curso de técnica
vocal no 2010.
Traxectoria internacional
Dende os seus inicios, a coral tivo clara a súa vocación e, da man de
Enrique Alvarellos, divulgaron as súas dotes musicais por todo o
territorio español, chegando incluso a traspasar fronteiras con
actuacións en Portugal, Italia ou Francia e, por tanto, traendo ata o
municipio agolense as músicas destas terras durante os encontros. Estes
intercambios culturais comezaron no ano 1999, en La Force (Francia), ao
que seguiu a participación no Círculo das Artes de Lugo no 2000 coa
estrea da cantata “A Lanzada” de Enrique Alvarellos, acompañada polo
Orfeón Xoán Montes e a Orquestra Sinfónica de Xove.
Realizaron irmandamentos con Portugal, Francia e Italia
Os axigantados pasos desta formación continuaron co irmandamento, en
2001, co coro italiano “Quelli Delli 21.18”, da cidade de Manziana
(Italia) onde a coral agolense contou co honor de actuar en lugares tan
incomparables como a igrexa de San Pietro en Montorio ou a igrexa de San
Giovanni Bautista de Manziana. A boa experiencia italiana levou á
agrupación galega á participar novamente nun intercambio, no ano 2008,
neste caso co coro italiano “La Settima Nota”. Neste mesmo ano, a Coral
Polifónica de Agolada resulta seleccionada, xunto a outras 24 formacións
galegas para participar no certame “En clave coral” organizado por
Fecoga (Federación Coral Galega). Esta serie de colaboracións dan mostra
do compañeirismo e respecto cara ao traballo das distintas formacións
corais, pois como aseguran dende a agrupación agolense, todos necesitan
dos demais para chegar a organizar encontros e concertos.
XX aniversario
Actualmente, a Coral Polifónica de Agolada atópase vivindo o seu
vixésimo aniversario que celebrou durante o Nadal cun concerto homenaxe
no que tamén participaron diversas agrupacións musicais da bisbarra,
como a Banda Municipal de Agolada, o Grupo Bico da Balouta, A Banda de
Antón e un cuarteto de corda. Coincidindo con esta significativa data, a
formación gravou o seu primeiro CD coa Radio Galega.
Durante esta ampla traxectoria musical o seu repertorio e o número de
integrantes variou considerablemente pero o que nunca cambiou foi a súa
teima por ofrecer actuacións de calidade para o seu público. É por iso,
que unha das pezas máis recorrentes no seu repertorio sempre é “Negro
bembón”, pois cada vez que se interpreta convértese en todo un éxito.
Aínda que aseguran que, entre as obras que máis se resisten pola súa
dificultade está “En busca de un sueño” de Silvio Rodríguez. Un traballo
impecable que fixa como meta continuar a “ofrecer música con certa dignidade e gozar facéndoa”.
Motivación
A afección á musica e a todo a interacción social que xeran as
actividades da coral son os grandes alicientes que motivan aos
integrantes e que converten á formación nunha auténtica familia. Trátase
obviamente dunha vocación que, se non conta con suficiente interese,
sería complicado soportar os longos ensaios e as xornadas de duro
traballo. Hai que motivar aos coralistas en todo momento, con viaxes,
proxectos, concertos…
Manter viva unha agrupación vocal deste tipo supón esforzo,
compromiso e, especialmente, colaboración. Un aspecto no que inciden
claramente as axudas das administracións que, no caso da coral agolense,
o financiamento reside nas subvencións do Concello de Agolda -ademais
da cesión do salón da Residencia da Terceira Idade para ensaios-, as
aportacións da Deputación, axudas de Fecoga, as cotas dos socios e todas
aquelas iniciativas sociais e comerciais que permitan incrementar o seu
presuposto.
Garantir o futuro da coral non é doado pero un punto destacado é
fomentar nos máis novos o interese por formar parte da formación, para o
que tratan de incluír no repertorio música máis contemporánea que poida
atraer á xuventude.
Claves do éxito
Aínda que o último trimestre do ano é o momento no que rexistran un
maior volume de traballo con Santa Cecilia ou Nadal, ao longo de todo o
ano sucédense intercambios, concertos benéficos, vodas, misas… e
certames. É nestes últimos onde as actuacións, en ocasións, se converten
en nervios e tensión pero, para acadar o éxito, ademais dun vestiario
que aporte imaxe á formación, no momento no que soa a música é a
afinación e a sincronización das voces o que pasa a un primeiro plano;
especialmente cando se conta cun repertorio orixinal, ben elixido e de
gusto musical.
Enrique Alvarellos
Enrique Alvarellos, nado en Soutolongo (Lalín) é coñecido como
“mestre Alvarellos” converteuse no primeiro director da Coral Polifónica
de Agolada no ano 1999. Polifacético e de gran personalidade,
compatibilizou a dirección da agrupación agolense coa Coral Ecos de Ulla
de Monterros, a Coral do Hospital de Calde, a Coral da Policía
Municipal de Lugo e a formación do Orfeón Xoán Montes.
Esta labor musical estivo marcada, ademais, coa composición de
innumerables pezas para bandas e corais. Destacou tamén na literatura,
converténdose en autor de diversas obras e mesmo creando unha editorial
propia. A toda esta intensa actividade sumábase unha academia en Lugo na
que formou a milleiros de estudantes.
Pablo Pérez Varela
Pablo Pérez Varela nace en 1974 en Vigo. Inicia os seus estudos
musicais no Conservatorio Superior de Música de Vigo, a súa vocación
coral chega en 1994, acompañando a diversas corais polifónicas ata que,
en 1997 funda a coral “Val do Fragoso” de Vigo. Pertence dende o 1999 ao
Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia.
En 2005 comeza a dirixir a Coral Polifónica de Agolada, dirixindo
tamén outras formacións vocais como “Ecos do Ulla” de Monterroso,
participa na dirección do grupo “Opus8” e no coro infantil “Parsifal” de
Monterroso. Dende 2009 dirixe a coral “Alborada” de Cabral (Vigo) e
participa no “Coro-Orquesta Vigo 430”. Foi galardoado como Director de
Honra da Coral Polifónica de Agolada.
Sandra Yanarys Nasher Hernández
Nada
en Santa Clara (Cuba) en 1980. Dende nova participa como solista en
agrupacións vocais infantís gañando diversos premios, o que a leva a
comezar estudos de piano mentres compaxina esta formación coa
participación en coros da escola de arte “Ernesto Lecuona”. Continúa coa
especialidade de piano no “Centro de Superación para la Cultura Ángel
González Borrel” de Santa Clara. Comeza a estudar a Licenciatura en
Educación Musical no Instituto Superior Pedagóxico “Félix Varela”
exercendo ademais como docente nas escolas secundarias. Funda e dirixe o
sexteto vocal “Dicción”. Traballa en diversos centros de ensinanza
artística como a Escuela Provincial de Instructores de Arte (EIA) Manuel
Ascunce Domenech, Escuela Vocacional de Arte (EVA) “Olga Alonso”,
Centro de Superación para la Cultura Ángel González Borrell” e Instituto
Superior Pedagógico “Félix Varela”. Formou parte do coro da Catedral de
Santa Clara e tamén do Coro de Cámara “Audius” da provincia de Villa
Clara.
En 2005 trasládase a España para comezar a traballar na Asociación
Musical Hispano Latinoamericana na cidade da Coruña, para posteriormente
formar parte da empresa Lirama Conciertos onde exerceu de profesora.
Dende 2008 comeza a dirixir a Coral Polifónica de Agolada, labor que
compaxina coa batuta da Coral “Ecos do Ulla” de Monterroso.